Imprimindo ‘Ostalgia’
Xa queda menos!. O pasado xoves imprimimos a tripa do libro Ostalgia de Simona Rota na rotativa de Galicia Editorial.
Dende hai un tempo, case á vez que comezamos a editar os contidos dun libro, ou a debuxar as primeiras ideas nun caderno, pensamos onde e con que tecnoloxía imos imprimir. É unha sorte que a día de hoxe, en Galicia, poidamos aínda decidir facelo ben nunha pequena imprenta, case artesanal, empregando unha Heidelberg de aspas, ou ben ao contrario, nunha rotativa que ocupa máis de 6.000 m2 de nave nun polígono industrial.
A posibilidade de imprimir Ostalgia nunha rotativa xurdiu, xa que logo, moi no inicio. Ademais dos condicionantes económicos, tiñamos a intuición de que as fotos de Simona contaban unha historia que se axustaba moi ben ao resultados que se poden esperar de imprimir nunha rotativa. Non resulta doado explicar as intuicións, pero a primeira vez que comezamos a ver a serie Ostalgia tivemos unha sensación semellante á que se ten cando se volve a un xornal duns días, meses ou anos atrás: a percepción de algo fráxil, lonxe e silencioso á vez, sen o ruído do presente.
É claro que imprimindo en papel prensa non se pode agardar a mesma fidelidade de reprodución que nun papel estucado. Hai que dar por descontado que pola gañancia de punto do papel as fotografías quedarán menos nítidas e con menos contraste, incidindo máis aínda na perda de luminosidade que de por sí provoca imprimir fotografías en CMYK. Con todo, cremos que un fotolibro non debe ser só un catálogo de fotografías en serie, ou a trasposición directa das fotografías dunha exposición a un formato de libro. A mellor maneira de ver e apreciar unha fotografía será sempre poñéndose diante dunha reproducción que fose elaborada con métodos fotográficos de reprodución; un fotolibro, ademais, debe posuír unha narrativa propia, debe contar unha historia…
Aínda tendo ben asumidos os condicionantes que supón imprimir nunha rotativa capaz de facelo a un ritmo de 30.000 xornais por hora, a decisión foi máis doada de tomar polos bos resultados que tiñamos acadado colaborando con Galicia Editorial en diferentes proxectos anteriores. As dificultades doutros tempos nas rotativas para rexistrar ben as cores xa non supoñen un problema, e a gama de papeis dispoñibles supera en bastante ao papel gris de prensa de 42 grs. de sempre, podendo escoller, hoxe en día, entre papeis de diferentes gramaxes e tonalidades de branco. Traballar con perfís de cores calibrados e con procesos de produción moi estandarizados contribúe a evitar sorpresas pouco agradecidas, e máis importante aínda para nós, poder contar coa colaboración, coa profesionalidade e cos coñecementos do persoal que alí traballa.
E na mesma liña de reflexión, sen as ideas, a confianza e o entusiasmo de Simona, non tería sido posible poder afrontar a edición do seu libro desta maneira.
O día de impresión é sempre un momento igual de feliz que inquedo. As boas sensacións veñen de ter rematado unha parte importante do traballo e do devezo de poder ollar o seu resultado. A expectación ten que ver máis con confiar ese traballo a outras mans e con agardar polo desenvolvemento duns procesos nos que, partindo de coñecer o seu funcionamento, resulta sempre aconsellable deixar un pequeno espazo á sorpresa.
O fotolibro Ostalgia de Simona Rota quedou impreso o xoves, e a verdade é que quedamos moi contentos co resultado. A próxima semana está reservada para a encadernación, e poucos días despois, o libro xa estará dispoñible.
O segundo volume de Fabulatorio con fotografías de Tono Mejuto xa está en camiño. Na imaxe os primeiros e desorientados pasos polo mundo interior do Barrio das Flores da Coruña.
Que doado resulta editar e comezar a deseñar cun material tan fermoso e inspirador!
http://fabulatorio.org/publicacion/barrio-das-flores-tono-mejuto/
Nos próximos días algunhas novidades e algunha sorpresa…
Na imaxe un dos poucos exemplares que nos quedan de ‘A casa do Oscar’. O libro con fotos de Luis Díaz Díaz foi seleccionado para participar na exposición ‘L’autoedició exposada’ no festival internacional de fotografía Scan de Tarragona.
http://www.scan.cat/autoedicio.html
Fabulatorio mantivo unha conversa con Luis Díaz Díaz con motivo da edición do libro ‘A casa da Oscar’. A charla tivo lugar nas hortas traseiras do parque de Bonaval en Santiago de Compostela.
Ao longo da conversa, Luis Díaz Díaz fala da súa formación como fotógrafo, dos seus intereses e das súas referencias, comenta o interese actual pola edición de fotolibros, e explica algunha das súas impresións acerca da recente publicación do seu libro.
Video: desescribir e Luis Díaz Díaz
Agradecementos: Daniel González Portela / Felipe Trillo
CC. BY-NC-ND
2012
‘Mais Grotesk’ é o nome da tipografía que empregamos para deseñar o libro ‘A casa do Oscar’.
A ‘Mais’, é unha tipografía sen remates, encadrada estilísticamente no grupo das ‘neo-grotescas’: tipografías que toman de referencia aquelas que durante a modernidade dos anos 50-60 tiveron unha maior aceptación (akzidenz, helvética, univers,…), pero evolucionadas e adaptadas ao momento actual tanto formal como funcionalmente.
A ‘Mais Grotesk’ é, ademais, unha tipografía que posúe un rasgos de identidade moi definidos, e que, pola súas características, permite un uso flexible e funcional tanto en corpos de tamaño pequenos como grandes, ou ‘Display’.
Tivemos a sorte de que o seu deseñador, Marcos Dopico, nos permitise traballar con ela para o que foi, como no caso de Fabulatorio, a súa estrea pública.
Pódense ver máis imaxes da Mais Grotesk, e coñecer algo do seu proceso de deseño, no flickr de Marcos Dopico:
http://www.flickr.com/photos/marcosdopico/sets/72157627169044024/with/7141425949/
Marcos Dopico é tamén autor dun recente e imprescindible libro sobre a historia das tipografías sen remates: ‘La evolución de los caracteres de palo seco’, editado pola editorial Campgráfic no ano 2011.
Page 1 of 2